Un escritor obsesionado con David Goodis, un dos grandes narradores
esquecidos da época dourada do xénero negro nos EEUU, emprende a súa
obra máis ambiciosa: a redacción dunha biografía novelada do autor
norteamericano, reivindicado durante décadas polos filósofos
existencialistas franceses. O apoio e os consellos do seu editor e de
Vicente Malone, un vello mestre da literatura popular, outórganlle os
azos suficientes para acometer un proxecto no que debe concentrar toda a
súa potencia creativa, mais axiña comezan a xurdir as dificultades.
Construída a través de múltiples elipses e saltos no tempo, A noite
enriba preséntase como unha novela ateigada de homenaxes literarias que
reflexiona sobre a propia actividade do escritor. Transita tamén, da man
de policías corruptos ou traficantes de droga, por un orixinal
itinerario narrativo que levará das rúas de Ourense á Filadelfia natal
de David Goodis, cidade na que o atormentado protagonista desta historia
tentará rematar a súa obra definitiva.Afondando no seu estilo depurado
de tramas cruzadas e economía narrativa, Ameixeiras homenaxea en A noite
enriba os autores clásicos do xénero das décadas de 1930 e 1940. Unha
excepcional novela negra na que se reflexiona sobre os límites do xénero
e da súa modernización radical.
No hay comentarios:
Publicar un comentario